24 ene 2010

Parabéns para Xosé Luís Méndez Ferrín

Parabéns para Xosé Luís Méndez Ferrín e para o seu equipo. Parabéns para a RAG, que xa demostrou días atrás que sabe andar cos tempos. Parabéns para as letras galegas, que, pese a todos os problemas, seguen a contar con autores de tanta valía.

Son momentos en que a nosa lingua precisa de pólvora e magnolias e Ferrín saberá cando cómpre botar man dunha ou das outras.
Parabéns logo a toda Galicia que ao longo dunha historia difícil soubo manter unha lingua e unha cultura coa que vivir e coa que abrirnos ao mundo.

9 ene 2010

Uxío Novoneyra e a Letanía de Galicia


Queremos iniciar o 2010 facéndolle a nosa pequena homenaxe a Uxío Novoneyra, autor ao que este ano a Real Academia lle dedica o día das letras galegas.
O poema que acompaña este texto escribiuno o Poeta durante as protestas estudantís santiaguesas do maio do 68 e é, polo tanto, un poema social. O autor concibíao como un himno patriótico, pero un himno para dicir, non para cantar.
O seu título, Letanía de Galicia, ten claras reminiscencias relixiosas, trátase dun rezo pola súa Terra, un rezo civil colectivo. O poema acada a súa plenitude cando se di dun xeito coral.