14 dic 2009

Letra E para Marilar

A Asociación de Escritores en Lingua Galega dedicaralle a homenaxe ‘O Escritor na súa Terra’ á autora e tradutora Marilar Aleixandre. Ademais, a asemblea de socios decidiu outorgarlle o premio ‘Os Bos e Xenerosos’ aos concellos que organizaron o
Premio Blanco Amor e o galardón ás Institucións recaeu no Salón do Libro Infantil de Pontevedra.

A homenaxe O Escritor na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, chega no 2010 a súa XVI edición recaendo, por decisión unánime da súa asemblea de socios e socias, na figura da escritora Marilar Aleixandre.


O recoñecemento, que o ano pasado recibiu Agustín Fernández Paz, inclúe a entrega do galardón Letra E de escritor (unha peza escultórica), a plantación dunha árbore simbólica (elixida polo propio autor), a colocación dun monolito conmemorativo ou a inauguración dun espazo público co nome do homenaxeado ou cun nome elixido por el mesmo. A homenaxe a Marilar Aleixandre celebrarase na primavera do 2010.
Os escritores galegos tamén decidiron recoñecer co galardón Os Bos e Xenerosos o traballo desenvolvido polos vinte e sete concellos que organizaron o Premio Blanco Amor de Narrativa, que cumpre o vindeiro ano o seu trinta aniversario. No transcurso da Cea das Letras, que se celebrará na primeira semana de maio do 2010, entregaráselle o galardón ao concello de Poio, organizador do certame este ano, en nome de todos os concellos que participaron na súa organización ao longo da súa traxectoria.
Tamén nesta celebración se entregará o Premio AELG ás Institucións, que nesta edición será para o Salón do Libro Infantil de Pontevedra. Nas últimas edicións, tamén recibiron a homenaxe O Escritor na súa Terra, entre outros, María do Carme Kruckenberg, Manuel Lourenzo ou Xosé Vázquez Pintor.

No hay comentarios:

Publicar un comentario